miércoles, 25 de mayo de 2011

Aínda non se sabe a fecha para a retirada dos abonos

O Club está pendente da chegada de Lendoiro a Coruña para estipular a redución nos prezos e establecer a estratexia para a captación de subscritores. Sairán ao longo do mes de xuño.

Son moitos os afeccionados herculinos que solicitan dende o pasado domingo a nova campaña de subscritores do Deportivo Da coruña no seu singladura por Segunda División. O apoio mostrado dende as esferas máis novas do deportivismo é tal que xa son varios centos os seguidores que solicitan a diario a través das redes sociais a oportunidade de, ben renovar as súas localidades, ou ben se dar de alta para acudir a Riazor cada 15 días.

Dende o Club recoñécese que se está a levar o tema "coa calma necesaria" e a sabendas do cal terá que haber cambios con respecto aos últimos anos. Pachi Dopico, Vicepresidente e responsable das penas aseguraba a Riazor.org que "haberá reducións considerables e consecuentes coa Segunda División" aínda que evitou marcarse datas para a renovación ou novas altas.

O presidencialismo é tal no club herculino que ata a chegada de Augusto César Lendoiro de Madrid non se tratará un tema candente entre a parroquia deportivista que aínda non se comezou a xestionar. A intención é "aproveitar o boom da xente nova, que está nestas datas moi enganchada e xa reclama o seu novo aboamento," comentaba Dopico, e trasladar así ao presidente unha solicitude popular que podería frutificar ao longo do mes de xuño.


A principal tarefa será definir a porcentaxe de redución para a tempada 2011-2012, xa que a priori se descarta calquera tipo de novidade en forma de promoción especial máis alá do carné júnior ou das reducións aos xubilados.


NON HABERÁ PARTIDO DE HOMENAXE A AFICIÓN

Foron varios os rumores que falaron dun posible encontro que homenaxease o comportamento da inchada nos últimos meses pero, dende a dirección do Club descartouse tal opción. "Se non se chegou a facer 48 horas despois do último partido agora é moi complicado e hai moitas tarefas no horizonte", sinalan. A folla de ruta do presidente Lendoiro é clara en orde de preferencia: asinar un adestrador, asegurarse os ingresos necesarios para sobrevivir en Segunda coas débedas contraídas, vender aos principais activos do equipo e despois fichar conforme ao novo equipo técnico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario