miércoles, 18 de mayo de 2011

Riazor levará o traxe das mellores noites o sábado

O deportivismo vivirá este sábado ás 22 horas o que será o partido máis importante da historia recente do club coruñés. Ningún dos seareiros branquiazuis quere perder a oportunidade de apoiar ao seu equipo para que consiga permanecer unha temporada máis na máxima categoría do fútbol español, polo que a Oficina de Atención ao Socio e Accionista do Estadio de Riazor rexistrou grandes colas de xente ao longo de todo o día de onte. Ao final da xornada, o club herculino anunciou o esgotamento das 12.000 entradas ao prezo reducido de cinco euros e dende esta mesma mañá estanse a vender os 1000 billetes restantes para o público xeral, con prezos que oscilan entre os 25 e os 65 euros.
O estadio da cidade herculina volverá a vivir o ambiente das grandes citas como as dos encontros da Liga de Campións, o día da consecución de título de Liga, o ascenso a Primeira División na campaña 1990/91 ou, tamén, a atmosfera doutros momentos de sufrimento da historia deportivista como o da temporada 1987/88 na que o conxunto coruñés, nese momento en Segunda División, salvou a categoría no tempo engadido do último partido co gol de Vicente ao Racing de Santander.
A afección branquiazul quererá deixarse as gorxas en apoiar ao seu equipo ante o Valencia e demostrar o seu profundo sentimento polo seu club. A mobilización do deportivismo é tal, que a Riazor irá xente de moitas partes de España como Barcelona, Girona ou Madrid, e espérase que tamén viaxen deportivistas dende diferentes recunchos de Europa. A afección será de novo o xogador número 12 e todo apunta a que a do sábado volverá a ser unha de esas noites inesquecibles para o Deportivo e un retorno, por fin, á Fonte de Cuatro Caminos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario