domingo, 29 de mayo de 2011

Nino, espera a ofera do Dépor


O Deportivo xa ten o comandante que dirixirá a nave herculina a Primeira División e comezan os movementos para definir os seus remeiros. O nome que máis soou nos últimos días é o de Nino, dianteiro do Tenerife que onte mesmo se despedía da afección chicharrera cun último tanto que engrosa unhas estatísticas de auténtico killer nas illas: 79 goles en catro tempadas.

Son "varias" as ofertas que están nestes momentos sobre a mesa do dianteiro almeriense pero, polo momento, ningunha é a do Deportivo. "É certo que teño cousas en firme pero de Coruña non chegou absolutamente nada e comigo ninguén se puxo en contacto", aseguraba o xogador a Riazor.org tras a súa despedida ante a Ponferradina.

E é que a folla de ruta estipulada dende a Praza de Pontevedra marcaba unha primeira parada en Madrid na que se debían de solucionar, sobre todo, temas económicos e pechar a firma ao novo adestrador. Despois, chegarían os movementos. Sporting de Gijón, Elche e Almería adiantáronse ao conxunto herculino e Nino xa sopesa as súas ofertas á espera da chamada dende A Coruña, que se producirá máis pronto que tarde.

José Luís Oltra quere entre as súas filas un home co que conseguiu os seus maiores éxitos como adestrador en Tenerife e comezará a persuadilo para iso. A priori, a oferta asturiana de Primeira División é a principal traba para que o dianteiro almeriense vista a zamarra branquiazul pero o xogador antepón o proxecto e o seu benestar persoal á categoría. "Eu quero un proxecto no que poida estar a gusto, sexa en Primeira ou en Segunda, non me importa a categoría senón a miña estabilidade".

Aos seus 31 anos e malia renovar ata 2014 co Tenerife, Nino cambiará de aires por cuarta vez na súa longa carreira futbolística. Home de club e de familia, dende o seu debut en 1997 só vestiu a camiseta de tres equipos: Elche, Levante e Tenerife. Declinareime máis por unha oferta ou outra segundo a miña tranquilidade e a da miña familia. O como se poida adaptar ao cambio de cidade e moitas outras cousas, non só o deportivo".

José Luís Oltra, o seu técnico ideal

É a principal baza coa que conta o Deportivo para conseguir se fichaxe. Estiveron xuntos tres anos e nas próximas horas falarán para coñecer as pretensións dun e os desexos de ambos os dous para o próximo curso. "Para min é o adestrador ideal. É moi de adestramentos curtos pero con moito ritmo, un adestrador que dá confianza aos xogadores dende o primeiro día e iso é moi importante para min e para calquera. Está moi preto de ti aínda que sabe ter man dura cando é necesario. Gocei moito do fútbol con el ao longo dos tres anos que coincidimos", explicaba.

No hay comentarios:

Publicar un comentario